Friday 03 de May de 2024

Riveira participa no congreso do Eixo Atlántico no que se dá a coñecer a primeira axenda urbana transfronteiriza europea


O alcalde de Riveira, Manuel Ruiz Rivas, está a participar na localidade portuguesa de Braga nun Congreso do Eixo Atlántico —entidade que aglutina a 38 municipios de Galicia e Portugal— que ten como obxecto a dar a coñecer e debatir a primeira Axenda Urbana transfronteiriza europea.

Ista concíbese como unha estratexia de desenvolvemento urbano coordinado para todas as cidades que forman parte da Eurorrexión Atlántica de maneira que —aínda que cada unha ao seu ritmo e as súas prioridades— avancen todas na mesma dirección, xerando sinerxias e complementariedades que permitan o desenvolvemento do territorio Galicia-Norte de Portugal como un todo.

Cinco piares
De resultas do exposto ata agora no congreso (tras a inauguración celebrouse a presentación de axenda e dúas mesas redondas centradas nas Cidades do Século XXI e no Atlántico como Mar de Oportunidades) cinco son os grandes piares sobre os que sustenta dita axenda: sistema urbano organizado: o novo territorio; crecemento e emprego; o desafío da sostibilidade; a cidade integradora e participativa; e municipios eficientes: a nova administración.

Segundo apunta Manuel Ruiz, estes piares correspóndense precisamente cos grandes retos sobre os que se está a traballar dende o Executivo local, potenciando ámbitos tales como a administración electrónica, o transporte público, o plan de emprego xuvenil, o aforro enerxético ou o cambio de xerarquía nas vías do casco urbano en beneficio dos peóns.

O congreso continuou con catro workshops que inciden en aspectos como a competitividade das urbes ou as cidades ecolóxicas, destacando a presenza de prestixiosos expertos en urbanismo, protección social ou xestión de recursos naturais.

Darase paso ás conclusións do congreso e a un acto conmemorativo do 25 aniversario do Eixo Atlántico no que está prevista a presenza de Antonio Cósta, primeiro ministro da República Portuguesa, e máis do conselleiro da Xunta José Manuel Varela.